martes, 13 de noviembre de 2012

Comunicado de Esquerda Anticapitalista Galega de cara a folga xeral do 14N

Por unha folga xeral social! Parar a produción, que conflúan as resistencias,  ocupar os espazos metropolitanos, confrontarse co poder político, recuperar as nosas vidas!

  

 O 14-N, Galiza, Portugal e o Estado Español irán á folga xeral e en moitos países europeos do Sur, millóns de persoas mobilizaranse contra os recortes salariais, sociais e de emprego, contra o desmantelamento dos servizos públicos, ou contra o socorro aos bancos con fondos públicos. Ese día vai ter lugar a maior acción masiva vivida dende o inicio da crise para rexeitar as políticas aplicadas pola austeridade da UE sobre a clase traballadora e a socialización das perdas bancarias. O éxito deste día de acción internacionalista  é esencial para o mantemento e continuidade da loita contra a austeridade neoliberal a nivel europeo e para evitar a saída da crise deseñada polas elites capitalistas europeas. 

Os efectos destas políticas sobre os países do sur de Europa son devastadores e están a causar a destrución do tecido industrial e comercial, o empobrecemento cada vez máis acusado da clase traballadora e un “xenocidio bancario” en forma de vaga de desfiuzamentos, que deixa sen casa a centos de milleiros de persoas e, ás veces, provoca a morte dalgunhas. 
Quebrar o discurso político neoliberal da UE, do goberno español e da Xunta de Feijóo require a acción unificada de todas as nacións do Estado Español e de todo o continente, especialmente nos países do sur de Europa - levantando un programa común contra as políticas de austeridade e dándolle continuidade á mobilización. Cómpre reclamar unha auditoría cidadá da débeda e negarse a pagarmos o que é ilexítimo; reforzar a solidariedade e as relacións entre os que loitan na liña de fronte contra a austeridade: Grecia, Portugal e o Estado Español. 




Claramente estes non son os obxectivos cos que CCOO e UGT chamaron a se mobilizar o 14-N, e é neste campo, o das alternativas ás políticas de austeridade, no que a convocatoria amosa máis debilidades. A pesar disto, o 14-N mostra o camiño a seguirmos: a coordinación de loitas, experiencias e alternativas a nivel europeo. O caso de Grecia é significativo, a vaga de folgas que sacude o país desde 2008, non só permitiu contestar contundentemente na rúa a ofensiva brutal do capital, senón que xerou unha acumulación de forzas que posibilitou, en xuño de 2012, a posibilidade dunha ruptura nas políticas neoliberais mediante a irrupción electoral de Syriza. 

No Estado Español esta convocatoria é particularmente necesaria, tanto polas dúbidas das direccións de CCOO e UGT sobre como procederen despois da mobilización do 15-S, e porque o goberno, tras a pausa forzada pola convocatoria de eleccións, está preparado para lanzar unha nova fase de recortes no horizonte inmediato: aumento da débeda pública, recortar os gastos sociais do Estado,  privatizacións de empresas públicas, despedimentos no sector público e ataques o salario. Un cadro desolador. 

Na Galiza, a vitoria electoral do PP non debe facernos esquecer que nas cidades existe unha forte contestación ás políticas da Xunta e que o 14-N, toda a rabia e o malestar volverán a se expresar, sen que maioría absoluta do PP supoña un freo. En 2001, a maioría abrumadora de Fraga só marcou o inicio dun período de intensas mobilizacións: contra a LOU, contra a xestión do Prestige, contra a guerra de Iraq. Estas mobilizacións tiveron un común denominador: a unidade. Nese sentido, o papel da CIG é fundamental, como vertebrador de algúns dos núcleos máis conscientes da clase traballadora galega. Por iso saúdamos a súa participación este 14-N e a aposta pola unidade das tres centrais sindicais maioritarias, superando anos de división que só serviron para xerar sectarismo e para desmoralizar. 
O 14-N debe marcar o fin dunha era e o comezo doutra: temos que deixar atrás o punto de protestas desarticuladas e dispersas, discursos tímidos chamando ao goberno á rectificación e as ilusións sobre volver a unha mesa de negociación que se revelou inútil para conquistar dereitos. Ese mundo xa non existe. Non podemos conformarnos cunha mobilización de autodefensa. 

O 14-N debe ser o inicio dun novo ciclo de mobilizacións, planificado e organizado, capaz de facer unha insoportable presión sobre o goberno para forzalo a deixar os recortes. Temos que comezar a construír por abaixo, unha fronte sindical, social e política contra os recortes a e austeridade que tamén recolla as reivindicacións de movementos coma o 15-M e o 25-S. Neste sentido, o sindicalismo en xeral e particularmente os sindicatos maioritarios teñen que recoller as demandas fundamentais dos movementos sociais: unha ruptura có réxime da Constitución do 78, a auditoría cidadá da débeda e o respecto polo dereito a decidir das nacións do Estado Español. Os movementos sociais, a esquerda radical e o sindicalismo alternativo teñen que empurrar para conseguirmos que o 14N vaia máis aló do que pretenden as direccións de CCOO e UGT. 

Nun enfrontamento fábrica a fábrica, centro de traballo a centro de traballo, a correlación de forzas non é favorábel para a clase traballadora. As permanentes ameazas do paro e das deslocalizacións, institucionalizadas polo PP e o PSOE, xogan un factor desmoralizador en moitos sectores do precariado. Unha folga xeral ten precisamente como obxecto romper eses illamentos, expón a situación a un nivel superior, un antagonismo que enfronta e constrúe subxectivamente a dúas clases sociais no seu conxunto, e non a un traballador contra un empresario. Parar a produción é ante todo un proceso de construción de conciencia de clase: os traballadores mostran o seu poder estratéxico, móstranllo ao empresario e móstranllo a si mesmos. Parar a produción significa mostrar o poder potencial, demostrar que o día a día non ten sentido sen os produtores. As formas de curtocircuitar o capital poden ser moi variadas, sempre relacionadas coa idea da produción de valor como algo colectivo, independentemente do illamento concreto dun posto de traballo: folga, sabotaxe, ou non render no posto de traballo

Agora, inmediatamente, a tarefa é a construción dunha folga xeral social desde abaixo, creando marcos unitarios en empresas, barrios, escolas e universidades para sacala adiante, para garantir o seu éxito, para que o 14N sexa un clamor contra os recortes e a austeridade e para convertelo nun día de mobilización xeral no que a xente parada e precaria, inmigrantes xubilados e amas de casa alcancen nela protagonismo, un papel relevante e unha gran visibilidade. Folga de produción, pero tamén folga de consumo. A lóxica de dominación do capital afecta a toda a nosa forma de vida, non só á produción. Estes espazos de unidade deben servir non só como un medio para construír a folga  e onde fortalecer os lazos entre os que están dispostos a resistir. Tamén deben afirmar o seu papel como lugares nos que decidirmos a forma de "xestionar" a folga xeral, de que maneira continuar a mobilización e que alternativas hai que levantar aos recortes. Porque necesitamos unha folga construída desde abaixo, unha folga que unifique e golpee sen concesións o capital, unha loita continua e sen pausa. 

O reto é a confluencia e articulación das diferentes loitas ante os ataques do capitalismo: a loita contra os desfuizamentos, as resistencias feministas, as dos estudantes, as mobilizacións en defensa dos servizos públicos, os movementos fronte os ataques a lingua, e por suposto, contra o paro e os salarios da clase traballadora. A ocupación dos espazos metropolitanos debe ser os primeiro paso para unha confrontación directa co poder político. Porque a mobilización é unha forma de organización, pero debemos avanzar de cara a construción dunha alternativa política radical, unitaria, que funcione como interface das resistencias dos de abaixo. Nesa tarefa urxente, de construír mobilización, movemento e organización, os anticapitalistas estaremos na primeira liña. O día 14N é un só outro novo comezo.. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario